Monday 06 de May de 2024

As asociacións Andaina Pro Saúde Mental e Con Eles abren mañá venres o primeiro festival “Brión Inclúe”


 

As actuacións terán lugar no centro social polivalente durante entre o venres e o domingo

As asociacións Andaina Pro Saúde Mental (Ordes) e Con Eles (Vilagarcía de Arousa) abrirán mañá venres 14 de decembro a programación da primeira edición do festival “Brión Inclúe”, que se desenvolverá no centro social polivalente brionés durante esta fin de semana. Un festival organizado polo Concello de Brión, Culturactiva e Gadis que aposta por presentar catro actuacións teatrais e musicais pensadas dende e para a inclusión real de persoas con discapacidade.

O festival abrirá as súas portas ás 18:00 horas coa representación teatral “Circo da Diversidade”, da man da Asociación Con Eles, entidade sen ánimo de lucro formada por familias de persoas con discapacidade intelectual. Ás 20:30 horas, a asociación Andaina Pro Saúde Mental porá en escena “Full Monty”, a cargo dunha entidade sen ánimo de lucro dedicada a atender ás persoas con problemas de saúde mental das zonas rurais próximas a Santiago de Compostela.

Fin de semana

O festival “Brión inclúe” continuará o sábado 15 de decembro, ás 20:30 horas, co espectáculo de danza e teatro “Torre de Babel”, da Compañía 5S (A Coruña), un proxecto cultural e de inclusión social dirixido por Carlota Pérez. O festival concluirá o domingo 16 de decembro, ás 12:00 horas, cunha sesión vermú dinamizada polo cómico Pedro Brandariz e un concerto do grupo XeRock, conformado por persoas con discapacidade intelectual do Centro San Xerome.

Durante a xornada do domingo, o centro social polivalente brionés acollerá tamén un mercado solidario no que participarán as distintas entidades que participan no Brión Inclúe: a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), a asociación Con Eles, Cía 5.S, XeRock e Andaina Pro Saúde Mental.

O coordinador do festival Brión Inclúe, Fran Rei, convida a todas as persoas a asistiren aos espectáculos “cun ollo crítico, non por lástima”, xa que o obxectivo desta iniciativa é presentar “unha programación de calidade, normalizando e visibilizando a discapacidade como parte propia da cidadanía”.